miércoles, 14 de marzo de 2012

CAL É A VOSA RECEITA PARA TER UN BO MESTRE?

Cando estaba realizando na casa a actividade: "Receita para ser un bo mestre", prendeuseme unha luceciña enriba dos meus miolos, a cal alumaba con gran intensidade preguntándome: Rocío, para os teus alumnos que ingredientes tería o seu mestre ideal?
Ao día seguinte, na hora de ler, plantexeilles unha actividade aos meus alumnos de segundo (traballaramos a semana pasada as receitas de cociña;por certo, que casualidade que a min, como alumna nun cursiño, tamén se me pedira).

Aí vai a súa receita: COMO TER UN BO MESTRE

Ingredientes:
  • 24 alumnos.
  • 500 quilos de coñecementos (saber moitas cousas)
  • 24 culleradas de ordenadores.
  • 1.000 bolsiñas de "premios".
  • unha libra de PDI.
  • 2 vasos de poñer normas e facelas cumprir.
  • 1 litro de boa profesora (que non sexa "unha rabuda").
  • 2.000 quilos de paciencia.
  • 10 toneladas de contos e xogos para facer.
  • 2 paquetes de xuventude (así dura máis).
  • 1.000 quilos de bo humor.
  • 2 litros de traballos para facer na casa (por si non sabes que facer).
Preparación:
Poñer todos os ingredientes nunha pota con lume forte, ben forte e esperar ata que ferva. Cando ferva poñer uns polviños máxicos (todos os mestres os teñen) e deixar que ferva uns 5 minutos. Despois cocer cun lume débil unhas cantas horas ata que estea todo ben cocido. Non debemos esquecer remexer cada pouco tempo, non vaia ser que se pegue e se estrague todo e nos salga un mestre fastidioso. Mentras se fai, os alumnos cantarán e bailarán "Ai se eu te pego". de Michel Teló.
Cando estea ben cocidiño, non chamuscado, deixalo enfriar toda a noite fóra, se é nunha noite de xeada moito mellor!
Ao día seguinte pola mañá xa teremos o noso mestre ideal que iremos comendo pouquiño a pouquiño durante 2 años.

0 comentarios:

Publicar un comentario